Club de lectura

CONTOS DESDE O CONFÍN

Cantos proxectos quedaron truncados con esta situación: saídas, viaxes, visitas… ! E LECTURAS COMPARTIDAS! As lecturas coas que o noso alumnado do club de lectura quería deleitar aos pequenos e pequenas do colexio de primaria.

Como non pode ser en presenza, aquí volas deixamos.

Comezamos con Onde viven os monstros, lido por Laura de 1º ESO

LetraS Sen confinamento

Entramos na semana das Letras, este ano dedicadas ao profesor Ricardo Carvalho Calero; mais que, debido ás circunstancias derivadas da pandemia provocada polo Covid-19, adiaranse ata o mes de outubro.

Desde a nosa biblio pospoñemos tamén a nosa homenaxe; aínda así queremos celebrar as nosas letras coas lecturas compartidas polo noso alumnado durante este período.

COMEZAMOS!!!!!!

Observade, escoitade e desfrutade co vídeo que realizou a nosa alumna de 3º A, Inés Blanco.

Viaxe do Club a Aveiro

O Club de lectura, xunto co do IES de Porto do Son, un ano máis, realizou unha visita literario-cultural a Aveiro. A viaxe desenvolveuse o 20 e 21 de xuño; na mesma realizamos roteiros culturais, poemas dadaístas, coñecemos a gran Biblioteca Municipal de Ílhavo, onde ademais da visita realizamos un obradoiro de expresión e asistimos a unha sesión de conta-contos. Ademais tamén tivemos tempo de viaxar en moliceiro (as góndolas de Aveiro), coñecer a Costa Nova e visitar o Museo Fábrica de Ciencia Viva, onde desenvolvemos un interesante obradoiro de hologramas e un obradoiro de Robótica. Foi unha marabillosa experiencia coa mellor compañía posible!

Dúas das nosas alumnas crearon este vídeo que podedes ver a continuación:

Contada no CEIP San Clemente

A semana pasada as rapazas do Club de lectura, que tamén forman parte do Equipo de dinamización, estiveron no CEIP de San Clemente co alumnado de infantil e 1º ciclo de primaria. Os rapaciños e rapaciñas estiveron moi atentos a aos contos que lles contaban Laura, Cintia, Carla Lorenzo, Inés, Anaís e Carla Navarro: O grúfalo, A horta de Simón e Ernesto, bo día!

Hai que felicitar ás contadores pola magnífica lectura dramatizada que fixeron,  tan boa que ao rematar ningún dos nenos se erguía das cadeiras, senón que agardaban por outro.

Para algunha das contadoras, ademais, foi moi emocionante volver ao seu antigo colexio e reencontrarse cos seus profes.