O proxecto no que se embarcou o equipo da biblioteca neste curso chámase As palabras no camiño. A través das sucesivas entradas deste blog daremos boa conta das distintas fases de traballo que fixemos (tarefas, actividades…). sendo os personaxes principais o noso alumnado. Pero antes de comezar con todo iso debemos responder a unhas cantas preguntas esclarecedoras.
QUE É?
As palabras no camiño é un proxecto interdisciplinar que ten como obxectivos principais fomentar o traballo interdisciplinar entre o profesorado, fomentar a lectura entre o alumnado, asociar a lectura ás novas tecnoloxías, normalizar o uso da lingua galega en diferentes ámbitos, especialmente no referente ás tecnoloxías da información e a comunicación.
Así, queremos materializar este proxecto creando unha aplicación móbil que vincule o percorrido do camiño portugués cunha escolma de palabras relacionadas coa arte, a lingüística e a Historia do pobo galego e portugués, como vía para (de)mostrar a proxección internacional que ten a nosa lingua e afondar no desmantelamento dos prexuízos existentes. “As palabras no camiño” terían como punto culminante Caldas de Reis, lugar no que está situado o noso centro educativo, unha vila histórica con múltiples posibilidades que queremos dar a coñecer dende outro punto de vista a todos os peregrinos e peregrinas que transitan por ela acotío. O pensar, igual que o falar, tampouco ten cancelas…
EN QUE CONSISTE?
O proxecto pretende a creación dunha aplicación móbil chamada as “As palabras no camiño”; un xogo que consiste en resolver adiviñas ata chegar a Caldas. Cando os peregrinos e peregrinas cheguen ás paradas (albergues ou puntos de información) atoparán cartaces nos que mediante códigos QR accederán á aplicación. Dependendo da etapa na que se atopen poderán resolver unha adiviña introducindo unha palabra –en galego ou en portugués– . De acertaren, accederán a información sobre a etimoloxía desa palabra e, tamén, a un pequeno vídeo informativo sobre lugares emblemáticos de Caldas, a modo de adianto. Ó chegaren a Caldas, como agradecemento por ter xogado coa app creada polo alumnado, recibirán un agasallo cortesía do Concello.
QUEN O VAI REALIZAR?
Aínda que é un proxecto inicialmente docente será realizado integramente polo alumnado do centro que, dende 1º da ESO a 2º de BACH, traballará de forma interdisciplinar baixo a guía dos docentes. E sobre estes últimos convén salientar que o equipo conta con docentes de campos moi diversos: de Lingua Galega, Portugués, Xeografía e Historia, Lingua Castelá, Música, Latín, Bioloxía e Tecnoloxía así como outros moitos compañeiros e compañeiras máis que estiveron dispostos a botar unha man.
COMO O IMOS FACER?
A través dunha organización case prusiana logramos atomizar o produto final nunha gran cantidade de actividades diversas… que vos imos contar. Para que non vos perdades no seguemento de todas as actividades que fixemos, imos empregar unha margarida, cuxos pétalos representan cada unha das actividades que van permitir crear o produto final: a app