Poesía para pasear o mundo. Curso 2021-2022

Poesía para pasear o mundo

Poesía para pasear o mundo é un Proxecto Interdisciplinar do IES Aquis Celenis no que participa alumnado dende 1º de ESO ata 2º Bach e profesorado que imparte as materias de Lingua galega, inglesa, latina, grega, francesa, portuguesa, castelá, ademais de xeografía e historia, música, teatro e TIC. 

O obxectivo é crear unha páxina web cun banco de poemas nas diferentes linguas con audios do recitado do alumnado (algúns musicados) e información sobre os poemas e autores/as.  Poderase así, gozar da escoita de poesía variada e, en diferentes linguas, viaxar polo mundo, a través de todos os continentes.

Ademais, un banco (físico) estará decorado con referencias ao proxecto e situado na vila de Caldas. A través dunha placa cun código QR poderase acceder a toda a información e audios. 

Finalmente outros produtos deste proxecto consistirán na elaboración de fanzines poéticos por parte do alumnado (tras a realización de obradoiros de creación poética) e unha actuación performativa, do alumnado de teatro, sobre algún dos poemas musicados. 

Invitámosvos a pasear polo mundo sen máis papeis que os dos poemas que acompañan esta gozosa viaxe!

Colaboración cos centros de Baños de la Encina e Valladolid

Un dos froitos da colaboración co alumnado e profesorado dos centros de Baños de la Encina e Valladolid cos que participamos nun programa de Ministerio de Educación denominado Agrupamientos, foi a participación no proxecto Poesía para Pasear o Mundo.

Este alumnado compartiunos poemas grabados polo seu alumnado de Rafael Alberti, Federico García Lorca, Antonio Machado, Irene deWitt, Ángel Mª de Pablos, Pepa Cantarero, Alfonso Monteagudo e José Mª Luelmo.

Pódese acceder ás súas grabacións na seguinte ligazón, facendo clic sobre “España”: Colaboración

Crear a web do proxecto

A creación de páxinas web é unha das diferentes formas de aprender a programar que se ven na materia TIC II. 

O alumnado comezou desde cero: coñecendo o código, manexando exemplos guiados… e despois pensamos en como darlle forma á web do proxecto Poesía para pasear o mundo, xa que deberiamos aloxar todo o material elaborado polo alumnado dos diferentes grupos e materias participantes. Tratábase de pensar como formular a presentación dunha web que permita “pasear o mundo” a través dos poemas de autores/as en diferentes linguas, tendo en conta que na web debería aparecer unha breve recensión dos autores, unha imaxe, o poema na lingua orixinal, a tradución ao galego e o audio.  

Fíxose primeiro un deseño individual. Estas son imaxes dalgúns deles: 

Despois, elixiuse por votación cal sería o deseño da web final, que resultou ser unha mestura de aspectos ben valorados nos proxectos individuais. A este traballo de equipo contribuiu cada alumno/a preparando as páxinas dos autores que lle tocaron no reparto. En total arredor duns 25 autores/as. 

Quedou tal e como podesdes ver nestas imaxes: 

Ao produto final, a web, podedes acceder desde a seguinte ligazón: 

Poesía para pasear o mundo

4º de ESO e a creación poética

O alumnado de 4º da ESO, logo de que se lle presentaran as liñas básicas do proxecto e se lle explicara a súa participación nel, asistiu a comezos do segundo trimestre a un obradoiro de creación poética impartido pola escritora Arancha Nogueira. Foi un primeiro achegamento ao feito literario, para que ensaiasen a súa capacidade creativa,  e do que naceron os primeiros textos orixinais da rapazada.

Durante o segundo trimestre, e seguindo a programación didáctica da materia, este alumnado tamén tivo que realizar unha tarefa sobre a lectura da obra Poetízate, de Fran Alonso, na que tiveron que ler e comentar textos poéticos da literatura galega, maioritariamente dos séculos XX e XXI. Esta tarefa tamén incluía unha parte de creación poética. Do mesmo xeito, utilizouse o tratamento das vangardas poéticas galegas para realizar co alumnado outras dúas actividades de creación: poemas colectivos coa técnica do cadáver exquisito e poemas individuais a partir da escoita dunha peza musical do pianista e compositor compostelán Abe Rábade.

Foi tamén neste segundo trimestre do curso cando o alumnado tomou contacto cos doce poemas en galego seleccionados para o proxecto de Poesía para pasear o mundo. Repartíronse de xeito libre entre o alumnado para a súa lectura e posterior comentario interpretativo. Despois fixéronse grupos de dúas ou tres persoas cos alumnos e coas alumnas que escolleran os mesmos textos, para que puideran enriquecelos. Todos os grupos, con aqueles comentarios que o profesor considerou máis acertados ou elaborados, trasladaron finalmente nunha exposición oral as súas interpretacións dos poemas ao alumnado que cursa a materia de Linguaxe e Práctica Musical en 1º de Bacharelato.

Como colofón, no terceiro trimestre, o alumnado de 4º da ESO recibiu un obradoiro de elaboración de fanzines a cargo de Pablo Rodríguez, ex-alumno do centro e dinamizador cultural. Nesa sesión, o alumnado traballou en grupos de catro ou cinco persoas para elaborar con deseños, imaxes, textos propios (moitos deles os xa referidos de creación poética) e alleos… o seu, seguramente, primeiro fanzine.

1º de ESO arredor dos poetas galegos

Os grupos de 1º da ESO comezaron a súa participación no proxecto Poesía para pasear o mundo a comezos do segundo trimestre. Asistiron de forma entusiasta ao obradoiro de creación poética de Arancha Nogueira e puideron achegarse ao mundo das palabras e das emocións de xeito lúdico.

Como este alumnado foi o encargado de facer a gravación coas lecturas expresivas dos poemas seleccionados na nosa materia, varias sesións deste trimestre dedicáronse, botando man dos recursos do Proxecto Cotovía, a traballar o xénero lírico.

Nun primeiro momento, prestouse atención á temática e aos recursos utilizados na linguaxe poética. Posteriormente, atendeuse de xeito específico aos aspectos vocais que inflúen na interpretación dos textos poéticos e que ían cobrar importancia no seguinte paso do traballo. A continuación, logo de repartir os poemas en diversos grupos, segundo a extensión, comentouse en gran grupo a súa interpretación e despois comezaron as lecturas expresivas na aula.

Finalmente, o alumnado acudiu á radio do centro para gravar a lectura expresiva do poema. Para axustar a súa voz ao ton do texto lírico e ao acompañamento musical creado polo alumnado de Linguaxe e práctica musical de 1º de Bacharelato, recibiron indicacións e orientacións específicas de cada grupo. Nestas sesións a radio foi punto de encontro e intercambio entre o alumnado de diferentes niveis.

Performance sobre os poemas. Teatro

Os dous grupos de teatro de 1º de bacharelato (formados por 14 e 20 persoas) traballaron neste proxecto o concepto de Performance, intervención escénica fóra das regras habituais do teatro e combinando elementos doutras artes. 

Para achegar o alumnado a este tipo de manifestación escénica, tiveron un obradoiro dunha hora de clase con Rosalía Fernández Rial, titulado “Aulas sen paredes”. Nel partíase dun poema para facer unha pequena intervención escénica. Os coñecementos adquiridos neste obradoiro puxéronse en práctica no entorno da Biblioteca Municipal a véspera do Día do Libro.

 No mes de abril dedicouse unha clase de cada grupo a escoitar os poemas musicados para seleccionar aqueles sobre os que se podería facer unha performance. Na seguinte clase, divididos en grupos buscaron ideas para algún dos catro poemas elixidos. Descartáronse as ideas máis complicadas e tamén as que trataban de “representar” o poema e seleccionáronse as máis simples e efectivas.

Musicando os poemas

Traballamos este proxecto en 1º Bach, en Linguaxe e práctica musical, 40 alumnos repartidos en dous grupos. O alumnado musicou os poemas (escollemos 10 poemas en Lingua galega) e para iso creou unha atmosfera sonora atendendo ao carácter ou expresión dos mesmos. Primeiro, abordamos a comprensión dos textos (como recitalos a través dun código de música-poesía: carácter, intensidade, pausas, fraseo, entoación…) para o cal foi importante a explicación do alumnado de 4º de ESO da materia de Lingua galega, que acudiu á aula.  A continuación, establecéronse grupos de catro alumnos/as que, atendendo ao carácter de cada poema,  escolleron os instrumentos e decidiron as escalas, acordes, estilo (tendendo ao minimalismo) para acometer para a súa musicalización. Unha vez composta a música, gravámola.  

Nunha última fase o alumnado de Linguaxe e Práctica Musical explicou ao alumnado de Lingua galega de 1º de ESO  como debía recitar os versos ao tempo que escoitaba a música e supervisou o proceso no que este alumnado de 1º de ESO realizaba a  gravación na sala de radio do instituto.

 Nun proceso posterior, o alumnado de música tamén elaborou videopoemas sobre os poemas traballados.

Poetas en lingua portuguesa

Na materia Segunda lingua estranxeira portugués, participamos neste proxecto co alumnado de terceiro da ESO na busca de diferentes poemas de autores lusófonos de diferentes épocas e procedencias, traballando en grupos de 2-3 alumnos.

Despois, o alumnado redactou un pequeno texto para a introdución a cada un dos autores, leu os poemas e adestrou na casa a entoación para a gravación.

Poetas clásicos: grego e latín

Participaron neste proxecto o alumnado de 1º de bacharelato de latín (12 persoas) e de grego (8, que tamén teñen latín). 

Tanto en Latín como en Grego comezamos o traballo no proxecto en decembro, tras rematar a 1ª avaliación. Na biblioteca, sacamos dos andeis os líricos gregos (Safo, Alceo , Anacreonte…) e os líricos latinos (Catulo, Tibulo, Horacio…) e cada estudante buscou, no libro que lle correspondeu, algún poema que lle resultase interesante. Logo lemos na clase a preselección, a fin de escoller tres poemas latinos sobre os que traballar e dous gregos ( xa estaba decidido pola profesora que “Ítaca” de Kavafis ía estar incluído).

 Como en primeiro de bacharelato non hai aínda coñecementos abondos para poder traducir poesía, o traballo sobre o texto dos poemas consistiu en contrastar o orixinal con diversas traducións. Así, a profesora xuntou o texto en grego ou en latín de cada poema con 3 traducións que presentasen algunhas diferenzas. Logo dedicamos unha clase a cada poema: mirabamos a estrutura, as diferentes posibilidades de tradución, buscabamos sinónimos que se axeitasen mellor ou que nos gustasen máis, reflexionabamos sobre algunha figura estilística e a forma de tratar de conservala na tradución, comentabamos o contido… 

Rematado o traballo sobre os textos, repartiuse quen faría as lecturas para a gravación. En principio só se ía ler a tradución ao galego. Finalmente decidiuse que tamén sería interesante ler algún poema na lingua orixinal. Gravouse en latín o “Viuamus”, “mea Lesbia” de Catulo e un epigrama de Marcial. Tamén ides poder escoitar o comezo de “Ítaca” en grego moderno.

 A última parte do traballo consistiu en facer, por parellas, uns apuntamentos biográficos de cada autor escollido: Safo de Lesbos, Anacreonte, Konstantino Kavafis, Catulo, Horacio e Marcial.

Poetas en lingua inglesa

En Lingua Inglesa, participamos no proxecto con alumnado de 1º e 2º de Bacharelato. Empezamos en outubro escollendo cinco poemas en inglés; o criterio foi atender a autores/as de diversas orixes e tamén razas, xénero e idade. Agregamos unha biografía de cada autor a cada un dos poemas e máis tarde, logo de traducir os poemas do inglés ao galego, varios/as alumnos/as gravaron as versións orixinais. Unha alumna de 1º de Bacharelato e dúas de 2º de Bacharelato ofrecéronse voluntariamente para ler os poemas. Previamente, co alumnado analizamos tanto a gramática como a fonética de cada texto. Por último, engadimos ás gravacións, os textos orixinais e as biografías, deixando todo para que estivera listo para a web final.