
As palabras botáronse a andar no curso 2018-2019, fixeron unha paradiña longa para visitar Caldas de Reis e tomar os baños e, neste curso 2020-21, retoman o camiño dende esta vila termal para emprender a última etapa que as leva a Compostela.
A situación excepcional de pandemia dificulta o camiñar e é ela quen marca os tempos e os pasos, mais no Aquis temos a certeza de que ben pronto han volver os camiños a inzarse de persoas que buscan o contacto coa natureza e queren coñecer as terras que atravesan. Por este motivo, neste ano Xacobeo 21 retomamos As palabras no Camiño.
As palabras no Camiño é un proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística co que pretendemos transcender os límites do centro escolar e tecer os lazos da lusofonía a través de dous fíos básicos: a lingua galega e as tecnoloxías da comunicación. O obxectivo último é poñer en valor a nosa lingua como vehículo de comunicación tamén internacional e axudar a superar prexuízos e autolimitacións, porque Galicia é interesante e o galego é unha lingua con presente e con futuro!
As palabras no Camiño IIé unha app para Android que permite ao camiñante que se achega dende Lisboa descubrir de maneira lúdica aspectos da cultura galega contados en galego. Non partimos de cero pois nun curso anterior levaramos a cabo un proxecto que agora complementamos. Daquela, parecéranos interesante que Caldas de Reis fose meta e acompañarmos no seu camiñar a quen peregrinaba polo Camiño Portugués cun xogo que lles permitía coñecer a nosa vila. Pódese ver máis información acerca deste proxecto en: iescaldasletras.wordpress.com/category/as-palabras-no-camino/
Agora, somos o punto de partida, dende Caldas guiamos o peregrinar até Santiago nunha viaxe paralela polo pasado e o presente de Galicia: a lingua, a historia, a gastronomía, as lendas, a arte…
As palabras no Camiño II é o resultado dun traballo académico coordinado pola biblioteca no que participan materias tan dispares como: Educación Física, Matemáticas, Arte, Historia, Lingua galega, Lingua portuguesa, Lingua inglesa, Química, Tecnoloxía, Latín e o alumnado de todos os niveis educativos, dende primeiro da ESO a segundo de Bacharelato. Pero ademais este traballo transcende o centro educativo porque contamos coa colaboración das asociacións de hostalaría e comercio como axentes de dinamización lingüística xa que participan no traballo visibilizándoo e espallándoo en cartelería, manteis e material informativo-publicitario cos códigos QR dos vídeos.
Nas entradas deste blog ofrecemos cumprida información sobre o proceso para crearmos cada un dos produtos que van configurar As palabras no camiño II. O camiño está feito, agora só é andalo…