BiblioAquis

As palabras no camiño II

As palabras botáronse a andar no curso 2018-2019, fixeron unha paradiña longa para visitar Caldas de Reis e tomar os baños e, neste curso 2020-21, retoman o camiño dende esta vila termal para emprender a última etapa que as leva a Compostela.

A situación excepcional de pandemia dificulta o camiñar e é ela quen marca os tempos e os pasos, mais no Aquis temos a certeza de que ben pronto han volver os camiños a inzarse de persoas que buscan o contacto coa natureza e queren coñecer as terras que atravesan. Por este motivo, neste ano Xacobeo 21 retomamos  As palabras no Camiño.

As palabras no Camiño é un proxecto de innovación educativa en dinamización lingüística co que pretendemos transcender os límites do centro escolar e tecer os lazos da lusofonía a través de dous fíos básicos: a lingua galega e as tecnoloxías da comunicación. O obxectivo último é poñer en valor a nosa lingua como vehículo de comunicación tamén internacional e axudar a superar prexuízos e autolimitacións, porque Galicia é interesante e o galego é unha lingua con presente e con futuro!  

As palabras no Camiño IIé unha app para Android que permite ao camiñante que se achega dende Lisboa descubrir de maneira lúdica aspectos da cultura galega contados en galego. Non partimos de cero pois nun curso anterior levaramos a cabo un proxecto que agora complementamos. Daquela, parecéranos interesante que Caldas de Reis fose meta e acompañarmos no seu camiñar a quen peregrinaba polo Camiño Portugués cun xogo que lles permitía coñecer a nosa vila. Pódese ver máis información acerca deste proxecto en: iescaldasletras.wordpress.com/category/as-palabras-no-camino/

Agora,  somos o punto de partida,  dende Caldas guiamos o peregrinar até Santiago nunha viaxe paralela polo pasado e o presente de Galicia: a lingua, a historia,  a gastronomía, as lendas, a arte…

As palabras no Camiño II é o resultado dun traballo académico coordinado pola biblioteca no que participan materias tan dispares como: Educación Física, Matemáticas, Arte, Historia, Lingua galega, Lingua portuguesa, Lingua inglesa, Química, Tecnoloxía, Latín e o alumnado de todos os niveis educativos, dende primeiro da ESO a segundo de Bacharelato. Pero ademais este traballo transcende o centro educativo porque contamos coa colaboración das asociacións de hostalaría e comercio como axentes de dinamización lingüística xa que participan no traballo visibilizándoo e espallándoo en cartelería, manteis e material informativo-publicitario cos códigos QR dos vídeos.

Nas entradas deste blog ofrecemos cumprida información sobre o proceso para crearmos cada un dos produtos que van configurar As palabras no camiño II. O camiño está feito, agora só é andalo…

Creación da app

O alumnado de TIC II  de 2º Bach realizou dous traballos diferentes e complexos tendo en conta que partían de cero no coñecemento de Appinventor.

Empezouse cunha formación guiada para coñecer a ferramenta e a continuación xa se puxeron co deseño dun programa que permitira unir o traballo previo de todo o alumnado, tanto de ESO como de Bacharelato. Esta app debía cumprir as seguintes condicións: ligar os nove vídeos, propoñéndolle ao usuario despois de velos, unha pregunta  relacionada con cada  vídeo. Cada pregunta tería tres posibles respostas e, de acertar, poderíase pasar a ver o seguinte vídeo. No caso de non acertar, habería que velo outra vez e responder despois unha pregunta diferente. Se o usuario respondía mal tres veces, a app xa debería permitir, tamén, pasar ao seguinte vídeo. 

Aquí pódense ver parte dos bloques da programación:

A segunda parte do traballo foi unir esta app, na que se xoga desde Caldas a Santiago, coa app creada no curso 2018-2019 que propoñía un xogo baseado na localización nas 23 etapas do camiño desde Lisboa ata Caldas. 

Non resultou un traballo doado, investigar para lograr dar con diferentes formas de resolver o reto implica dedicarlle moito tempo, algo do que o alumnado de 2º bacharelato non dispón, mais velaí o resultado, escaneando este código QR, sempre que deas permisos no teu móbil ou tablet para instalar aplicacións de terceiros, poderás instalar a app.

Creación e entrega de manteis e trípticos

Cando empezamos este proxecto buscabamos aprendizaxe-servizo á comunidade. Sacar das aulas o traballo e que este sexa de proveito fóra das mesmas, sen data de caducidade.

Todos os vídeos están perfectamente documentados e ofrecen información que, moitas veces, é descoñecida non só polas persoas que pasan pola vila de Caldas senón tamén polos propios veciños e veciñas da mesma.

No anterior proxecto, coa colaboración do Concello, colocáronse placas con acceso aos códigos QR dos 23 vídeos en cada un dos lugares correspondentes. Mais, cando un viaxeiro ou viaxeira chegan a Caldas, moitas veces nin teñen idea do que ofrece a vila nin teñen o tempo necesario para coñecela… e pensamos que sería interesante que só cun “click” puideran acceder á información sobre eses lugares, por exemplo mentres toman algo ou mentres se rexistran nun hotel.

Así xurdiu a idea de deseñar trípticos e manteis que ofrecerlles aos representantes dos comerciantes e da hostelería. A nosa idea foi moi ben recibida! Non daban crédito.

Velaí o resultado deste traballo:

Manteis

E, para os trípticos, emprégase esa mesma imaxe e ademais esta outra:

Parabéns aos artistas!

Montamos os vídeos e creamos os códigos QR

O alumnado de 4º ESO e 1º de Bacharelato da materia “Tecnoloxías da información e comunicación” enfrontouse a un gran reto: crear un produto audiovisual con toda a información achegada dende as materias participantes no proxecto: As Palabras no Camiño II.

É dicir, ordear fotos e vídeos para que cadraran cun audio e ademais engadirlle subtítulos en inglés. Todo isto intentando lograr que resulte acaído aos posibles espectadores. 

O primeiro contacto coa tarefa foi enfrontarse a moreas de cartafoles con fotos, vídeos, audios e textos en diferentes idiomas. Para sermos sinceras asustaba un pouco. Pero os grupos anteriores fixeran os deberes e elaboraran unha escaleta onde esta montaña de arquivos cobraba sentido.

A primeira clase estivo chea de “profe isto non me abre”, “a min non se me ve nada”, “eu esta escaleta non a entendo”, “pechouse o programa e non gardara nada” e outras moitas frases do estilo que a miña memoria preferiu borrar. No medio do caos que se forma nalgunhas ocasións ao longo destes proxectos faraónicos, pola mente do profesor pasa continuamente a famosa frase: “quen me mandaría a min…”.

A primeira clase pasou e o alumnado rapidamente comezou a traballar de maneira independente. Por algo se lles chama “xeración dixital”. Superadas as dificultades iniciais, batemos de fronte contra outro gran problema de máis difícil solución, o tempo. Con clases de 50 minutos onde o alumnado se ten que desprazar, desinfectar e acender os ordenadores para empezar a traballar, parecía que o tempo ía a ser un problema. A todo isto hai que sumarlle que os últimos grupos nun traballo en cadea sempre sofren os atrasos dos anteriores.

A persoa que deixe de ler neste intre preguntarase por qué facemos este tipo de actividades nos centros se todo son problemas. Pois o certo e que despois de adicarlle máis horas das que vou recoñecer e do traballo do alumnado… chega un momento no que todo comeza a funcionar e aquel “profe non me entero de nada” convértese en “profe non está quedando mal”.

Converter o traballo de todo o centro en nove vídeos de 5 minutos, non foi tarefa doada, pero no momento que subes o último arquivo (probablemente un día calquera despois das doce da noite) unha sensación moi agradable fai que todo o proceso pagara a pena.

A estes vídeos pódese acceder tamén mediante os seguintes códigos QR:


O camiño: máis aló da nosa lingua

Cando xurdiu a posibilidade de participar no proxecto As palabras no camiño II do IES Aquis Celenis, desde o CPI Alfonso VII pareceunos unha magnífica oportunidade de seguir tendendo pontes entre os dous centros veciños, tendo en conta, ademais, de que o destino de gran parte do noso alumnado cando remata a educación secundaria é, precisamente, o propio instituto.

Todo o alumnado de 4º de ESO colaborou nesta tarefa, traducindo do galego ao inglés a información que se recolle nos vídeos. Como dedicamos varias sesións a esta actividade, fomos probando distintas distribucións na aula (en grupo, por parellas e tamén individualmente).

Contactamos con Portugal

O alumnado de “Segunda Lingua Estranxeira (Portugués)” de 4º da ESO colaborou no proxecto como buscadores de información relacionada con Portugal e como contacto para obter axuda das institucións portuguesas. Traballamos máis concretamente en solicitar a concellos portugueses por onde pasa o Camiño información sobre fontes relacionadas co mesmo e, se posible, mostras de auga para integralas noutras partes do proxecto. 

Para iso, traballamos a carta formal en portugués (a súa estrutura e fórmulas de inicio e despedida) e, unha vez redactada a carta modelo, buscamos en Internet os concellos por onde pasa o Camiño e as direccións de correo electrónico de contacto cos mesmos (algúns facilitados polo equipo que traballou na primeira versión do proxecto). Os alumnos enfrontáronse a un contexto real de comunicación e tiveron que xestionar a resposta recibida dos diferentes concellos.  Noutra parte da nosa colaboración, traballamos na aula unha das lendas máis coñecidas en Portugal en relación co Camiño, a do Galo de Barcelos. O alumnado tivo que buscar información en portugués relacionada coa lenda, e a partir daí elaborar un texto en galego para ilustrar o vídeo que fala sobre as lendas.

Poñendo voz

O volume, o ritmo, a vocalización e a entoación foron os miliarios que nos indicaron o camiño cara a locución dos textos do proxecto en 1º da ESO. O noso obxectivo foi poñerlle voz aos vídeos temáticos guionizados polos diferentes cursos. Para chegar á nosa tarefa final, programamos unha serie de actividades e exercicios durante o mes de abril que xiraron arredor da lectura en voz alta e a locución.

Primeiro achegámonos á  lectura en voz alta. Empregamos o material do curso de lingua galega Cotovía, elaborado por profesorado do centro e dispoñible e liña. A través dunha sesión teórica, reflexionamos sobre os diferentes tipos de lecturas e durante as seguintes sesións fixemos varios exercicios en gran grupo e individualmente. Nestes exercicios traballamos a lectura mecánica, a comprensión da lectura O dereito a ler en voz alta, o volume, o ritmo, a vocalización e a entoación.

Cando adquirimos as competencias axeitadas para a lectura en voz alta, comezamos a traballar cos textos elaborados polos distintos cursos para os vídeos do proxecto. Organizámonos en grupos de 3 e 4 alumnos e alumnas e dividimos os textos para a locución. Traballamos durante dúas sesións cos documentos para comprendelos, buscar as palabras forza, marcar as pausas e conseguir a entoación máis axeitada. Así mesmo, tamén coñecemos algo máis a fonética sintáctica e marcamos aquelas palabras nas que debiamos fixarnos á hora de pronunciar.

Despois practicamos a lectura en pequenos grupos e gravámonos cos nosos ordenadores para escoitarnos e sermos quen de mellorar. Finalmente, acadamos o noso obxectivo e gravamos os nosos textos na radio do centro. Para moitas e moitos foi unha experiencia nova iso de escoitarse ao tempo que se fala, un camiño no que se estreou o alumnado e que devece por repetir.

Coidamos a nosa saúde facendo o camiño

Nunha primeira toma de contacto, a profesora comentou ao alumnado de Anatomía Aplicada de 1º Bacharelato a posibilidade de participar neste proxecto e, unha vez estiveron de acordo, fixemos unha choiva de ideas de posibles temas relacionados co camiño de Santiago e os/as camiñantes que se poderían traballar dende a nosa materia.

Na segunda parte do traballo, traballamos sobre un esquema dos posibles contidos e o que se podería incluír dentro de cada un.

A continuación, fixemos unha división por grupos onde cada un elixiu un apartado para buscar información.

Despois, púxose en común o que se atopou relevante dentro de cada epígrafe e, neste momento, debatemos sobre incluír os aspectos relevantes  en cada grupo en particular ou se facelo ao final do traballo, poñéndoo como resumo final.  Unha vez recollidos todos os datos, preparouse un resumo de como podemos solucionar os problemas físicos que poderían xurdir aos camiñantes ou como intentar evitalos.

A continuación fixemos unha lectura do recompilado por todos os grupos e démonos conta que había que reducir moito o texto, pois pasabamos moito do tempo estipulado (máis ou menos, tres minutos)

Por último, recompilamos imaxes e webgrafía para acompañar ao texto final.

O noso traballo formaría parte do texto do vídeo “Xeneralidades sobre o camiño” xunto co doutros grupos de alumnado de Matemáticas e Latín.

Só nos queda dicir que o alumnado considerou interesante buscar información relacionada cos contidos da materia para introducila dentro dun traballo tan amplo e interdisciplinar.

A historia no camiño

Os estudantes de 2º e 4º ESO profundizaron no estudo e análise da historia de Galicia e Portugal a través dunha serie de persoaxes e feitos destacados.

As tarefas comezaron coa escolla daquelas figuras e feitos máis senlleiros do devir histórico galego e portugués, pero tendo en conta que tivesen relación co paso do Camiño Portugués. Finalmente estes foron os escollidos: Gran terremoto de Lisboa, Marqués de Pombal, Pedro Álvares Cabral, Batalla de Rande, Illa de San Simón, Batalla de Pontesampaio, Benito Soto, Castelao, Afonso XII e a súa nai a raiña Urraca, Afonso Henriques, Diego Xelmírez e as Torres de Oeste.

A través desta investigación, o alumnado tivo a oportunidade de ver a importancia do Camiño Portugués para a nosa historia e atopar os persoeiros e lugares máis representativos da mesma.

Tras a ardua tarefa de peneirar a nosa historia, os estudantes procederon a buscar información, usando ferramentas TIC e bibliografía, para despois trasladar a unha ficha os datos máis destacados. Xuntamente con este traballo, tamén buscaron diversas imaxes ilustrativas.

Finalmente, todas esas anotacións e imaxes, xunto coa supervisión do profesorado da materia, serviron para darlle forma a un pequeno texto para elaborar o vídeo do produto final.

As matemáticas no camiño

A profesora e o alumnado de 4ESOB valoramos a posibilidade de contribuír cos coñecementos de matemáticas a este proxecto, tendo presente que había que facer unha exposición conxunta no vídeo sobre as xeneralidades do camiño con materias tan dispares nun principio como Anatomía Aplicada, Latín e Xeografía e Historia..

Aproveitando que son 18 alumnos, reuníronse  en grupos de tres, un número recomendable para traballar en grupo xa que as restriccións do Covid-19 non permitían as reunións fóra do centro.

En primeiro lugar, os grupos idearon un plan de traballo donde especificaban os membros do grupo, datas de acordo de obxectivos, documentación e maquetación, como o que segue a continuación:

 Unha vez establecido o anterior, os temas tratados foron::

  • Regularidade dos años Xacobeos
  • Rosetóns, azulexos e mosaicos no camiño portugués
  • Matemáticas na cuncha do camiño de Santiago
  • Fitos no camiño de Santiago
  • Movemento do botafumeiro
  • Reloxos solares no camiño de Santiago

Por último, coordinaron a investigación a través dun documento de Google, donde cada membro do grupo proporcionaba a súa información, que se ía revisando e consultando dúbidas coa profesora.

Foi un traballo ben interesante, mágoa que só puideramos aportar unhas liñas ao texto final!