As palabras no camiño

Presentación “As palabras no camiño”

Captura de pantalla 2019-04-24 a las 21.59.16O proxecto no que se embarcou o equipo da biblioteca neste curso chámase As palabras no camiño.  A través das sucesivas entradas deste blog daremos boa conta das distintas fases de traballo que fixemos (tarefas, actividades…). sendo os personaxes principais o noso alumnado. Pero antes de comezar con todo iso debemos responder a unhas cantas preguntas esclarecedoras.

QUE É?

As palabras no camiño é un proxecto interdisciplinar que ten como obxectivos principais fomentar o traballo interdisciplinar entre o profesorado, fomentar a lectura entre o alumnado, asociar a lectura ás novas tecnoloxías, normalizar o uso da lingua galega en diferentes ámbitos, especialmente no referente ás tecnoloxías da información e a comunicación.

Así, queremos materializar este proxecto creando unha aplicación móbil que vincule o percorrido do camiño portugués cunha escolma de palabras relacionadas coa arte, a lingüística e a Historia do pobo galego e portugués, como vía para (de)mostrar a proxección internacional que ten a nosa lingua e afondar no desmantelamento dos prexuízos existentes. “As palabras no camiño” terían como punto culminante Caldas de Reis, lugar no que está situado o noso centro educativo, unha vila histórica con múltiples posibilidades que queremos dar a coñecer dende outro punto de vista a todos os peregrinos e peregrinas que transitan por ela acotío. O pensar, igual que o falar, tampouco ten cancelas…

EN QUE CONSISTE?

O proxecto pretende a creación dunha aplicación móbil chamada as “As palabras no camiño”; un xogo que consiste en resolver adiviñas ata chegar a Caldas. Cando os peregrinos e peregrinas cheguen ás paradas (albergues ou puntos de información) atoparán cartaces nos que mediante códigos QR accederán á aplicación. Dependendo da etapa na que se atopen poderán resolver unha adiviña introducindo unha palabra –en galego ou en portugués– . De acertaren, accederán a información sobre a etimoloxía desa palabra e, tamén, a un pequeno vídeo informativo sobre lugares emblemáticos de Caldas, a modo de adianto. Ó chegaren a Caldas, como agradecemento por ter xogado coa app creada polo alumnado, recibirán un agasallo cortesía do Concello.

QUEN O VAI REALIZAR?

Aínda que é un proxecto inicialmente docente será realizado integramente polo alumnado do centro que, dende 1º da ESO  a 2º de BACH, traballará de forma interdisciplinar baixo a guía dos docentes. E sobre estes últimos convén salientar que o equipo conta con docentes de campos moi diversos: de Lingua Galega, Portugués, Xeografía e Historia,  Lingua Castelá, Música, Latín, Bioloxía e Tecnoloxía así como outros moitos compañeiros e compañeiras máis que estiveron dispostos a botar unha man.

COMO O IMOS FACER?

app_margaA través dunha organización case prusiana logramos atomizar o produto final nunha gran cantidade de actividades diversas… que vos imos contar. Para que non vos perdades no seguemento de todas as actividades que fixemos, imos empregar unha margarida, cuxos pétalos representan cada unha das actividades que van permitir crear o produto final: a app

Creación da app “As palabras no camiño”

Dicíase na presentación do proxecto que falar non ten cancelas. Non ten, claro que non ten. Crear unha app para que os peregrinos e peregrinas xoguen a adiviñar 23 palabras, comúns ao galego e ao portugués, na que ademais se explique a etimoloxía de cada unha e, como “premio” por acertar a palabra en cuestión, se visualicen 23 vídeos de lugares emblemáticos de Caldas de Reis, era algo máis que falar.

Chegar a ese produto final supoñía un gran reto e a responsabilidade de darlle visibilidade ao fantástico traballo de todo o alumnado e profesorado implicado.

Tanto a profesora coma o grupo de alumnos e alumnas de TIC II partiamos de cero na programación con AppInventor. Con razón poderedes dicir que non o pensamos moito cando nos embarca
mos neste proxecto. Non imos enganarvos, houbo momentos nos que pensamos que non ía ser posible logralo; e ademais había que resolver unha adiviña por cada etapa do camiño…

Mais… logrouse! Iso si, traballando moitas máis horas das sesións de clase e adicándolle á investigación moito tempo, un ben que ao alumnado de 2º de bacharelato lle escasea. A app emprega o sensor de localización do dispositivo móbil no que está instalada para determinar a latitude na que se atopa o peregrino ou peregrina e permitirlle resolver unha adiviña. Cando chegue á seguinte etapa poderá resolver a seguinte… e así en calquera etapa do camiño, desde Lisboa ata Caldas de Reis.

En calquera proceso creativo se aprende moito; non hai unha dirección ou solución única, senón que cadaquén vai avanzando ao seu ritmo, enfrontándose ás dúbidas e dificultades que van xurdindo. Por iso temos diferentes propostas de solución para a app. Elixiremos unha delas como app definitiva, mais todas son válidas se resolven o reto.

Deixámosvos aquí unhas imaxes representativas da app, algunhas con partes do código e outras con exemplos do que se visualiza en pantalla.

Poderedes probar esta app se facedes o camiño portugués, desde Lisboa ata Caldas. Está pensada para que os peregrinos e peregrinas que xoguen con ela poidan recoller -na oficina de turismo- un agasallo que o Concello lles ten reservado. Así que… animádevos a camiñar e xogar coa nosa app As palabras no camiño! 

Para instalar a app escaneade este código e dade permisos no móbil para instalar paquetes de desenvolvedores descoñecidos. (Se vesdes que non se instala á primeira, insistide, ás veces pasa porque Android non da facilidades para que se instalen aplicacións  que Google Play non supervisa)

Velaí tedes un vídeo no que amosamos, por unha banda, o funcionamento da app para os peregrinos e peregrinas (é dicir, na que o sensor de localización decide que adiviña nos toca) e por outra, unha app diferente (sen sensor de localización) para que vexades como se vai pasando dunha adiviña a outra:

Creación de 23 vídeos de lugares salientables de Caldas

Como sabedes, o produto final deste proxecto é a creación dunha app na que se xoga a adiviñar palabras. Cando se acerta a palabra, como premio pódese ver un vídeo dun lugar destacado de Caldas de Reis.

O alumnado de TIC I de bacharelato foi o encargado de crear eses vídeos. Tratábase de ligar as imaxes de cada lugar uníndoas ao son que se pode percibir nel (recollido nun arquivo de audio polo alumnado de 3º ESO). Ademais había que ligar as imaxes á explicación gravada polo alumnado de 1º ESO (a partir dos textos elaborados coas referencias das fichas creadas polo alumnado de Xeografía e Historia) e, finalmente, inserir como subtítulos os textos en inglés correspondentes ao audio da explicación.

Traballamos con Openshot, un programa de edición de vídeo de software libre, sobre o sistema operativo da maqueta Abalar. Iso supuxo algunhas dificultades engadidas que se foron resolvendo sobre a marcha, como por exemplo que o programa “colga” con bastante frecuencia ou a dificultade para subtitular nel, que se solventou facéndoo en YouTube, descargando o arquivo dos subtítulos e fusionándoo despois co vídeo; para iso nós empregamos Handbrake.

Levounos moito tempo crear todos os vídeos. Podedes acceder a eles na canle de Youtube Aquisvideo ou velos desde aquí. Esperamos que vos gusten!

Velaí o resultado do traballo:

Tradución ao inglés dos audios

audios_ingles_marga.pngO alumnado de 4 ESO foi o encargado de tentar achegar a realidade de Caldas e do noso proxecto aos peregrinos participantes de fala estranxeira por medio da tradución do contido dos vídeos ao inglés para a súa posterior subtitulación.

Para iso empregamos os ordenadores que hai no centro.

Todo iso fixémolo con gran ilusión, concienciados da relevancia e do servizo que estabamos a prestar en beneficio da nosa localidade, en relación con algo tan autóctono e relevante coma o Camiño de Santiago.

Gravación do son de 23 lugares de Caldas

grabar_sons_marga.pngAtendendo ao seu valor como patrimonio paisaxístico, histórico e cultural o alumnado de 3º de ESO gravamos, servíndonos dos nosos dispositivos móbiles, sons e imaxes de 23 lugares do contorno de Caldas de Reis. Foi durante o mes de febreiro.

Gravamos 1 minuto en cada un destes lugares sendo repartido o traballo polos profesores de música entre o alumnado de 3º de ESO.  Eses sons e imaxes son elementos a ter en conta á hora de montar vídeos explicativos

Fotografando a contorna

fotos_contorna_marga.png

Ben coñecido é o dito “máis vale unha imaxe ca mil palabras”. Claro está que é unha esaxeración, pero as imaxes son necesarias para ilustrar o que “as palabras no Camiño” nos contan.

O alumnado de 1º de ESO A do IES Aquis Celenis saíu ás rúas e parques da vila de Caldas a facer un completo repaso visual do seu patrimonio. Fíxose dentro das clases da materia “Paisaxe e Sustentabilidade”, colaborando os departamentos de Xeografía e Historia e Ciencias Naturais. Os rapaces descubriron unha chea de cousas da súa propia contorna e o proxecto axudounos a poñelas en valor, primeiro para eles e elas e despois para o resto do mundo. Velaí unha mostra …

Galería

Creación dos audios para os vídeos

Nós, os rapaces e rapazas de 1º ESO fixemos os audios dos vídeos. Cando a profe nos dixo que tiñamos que gravar uns textos para saír nunha aplicación de móbil pareceunos interesante, divertido e moi fácil. Despois, o de divertido e interesante mantivémolo; o de fácil, non tanto. Equivocábamonos continuamente. Onde tiñamos que dicir románico, liamos romántico, onde poñía ameas, nós diciamos ameás, e onde dicía estilo ecléctico, nós viamos estilo eléctrico -é que a palabriña é un pouco complicada-. Algúns dos textos tivemos que lelo ata 5 ou 6 veces. Ao final conseguímolo, porque lle puxemos moitas ganas: practicamos, fixemos exercicios de vocalización cun lapis na boca (seica que é un exercicio que fan os actores e actrices, díxonos a profe), marcamos os grupos de entoación… E, finalmente, aí está o resultado. Podedes escoitarnos. Que vos parece?
Audios para a montaxe dos vídeos

Deseño do percorrido por Caldas de Reis

No mes de marzo, o alumnado de Paisaxe e Sustentabilidade de 1º de ESO deseñou un percorrido por Caldas de Reis que permite a visita dos principais monumentos artísticos e naturais da vila.

Creación do logo

logo_marga.pngToda app necesita un logo que a faga facilmente recoñecible… Parte do temario da materia de TIC en 4ºESO inclúe tratamento de imaxe, polo que encaixaba perfectamente no proxecto. Dado que o grupo DE 4º ESO TIC é pequeno (está formado por 12 alumnos e alumnas) o deseño puido facerse doadamente entre todos e todas.

O programa que empregamos foi o GIMP, que permite o retoque fotográfico e é de código libre.

Comezaron a xurdir ideas. O eixo principal era conseguir un P (palabras) e máis un C (camiño) partindo do logo do noso IES… As propostas foron varias pero finalmente comezamos a xirar partes do logo do centro para ver se conseguíamos algo… e xurdiu!

Algunhas propostas do alumnado foron simpáticas…

Imagen que contiene animal Descripción generada automáticamente

Moi creativo pero….

Empezaron a achegarse a algo…

Só que o P estaba invertido…

Alguén o xirou…

Xa empezaba a aparecer algo… “ e se poñemos o logo do Centro detrás…

Xa iamos tendo algo máis…. “E se remarcamos as letras para que destaquen máis??”

Xa o tiñamos!!!

Velaí o noso logo para “As palabras no camiño”

Pescudar na etimoloxía

Na segunda quincena de febreiro o alumnado de Latín de 4º A traballamos sobre as palabras elixidas. Primeiro foi traballo individual: déronnos dúas palabras por persoa das que había que pescudar orixe, evolución ao galego, resultado en varias linguas, familia léxica e calquera tipo de curiosidade sobre ela (cambio de significado, por exemplo). Para desenvolvérmolo empregamos dicionarios etimolóxicos e páxinas web. E logo desa fase de investigación e documentación, veu a de selección. Fixemos tres equipos, repartimos de novo as palabras e, coa información que tiñamos, decidimos que poñer de cada unha. Nalgúns casos foi máis fácil que noutros, non todas as palabras deron o mesmo xogo. Velaí o resultado, que agardamos que resulte de interese.
Etimoloxía das palabras que aparecen na app.