Traballamos este proxecto en 1º Bach, en Linguaxe e práctica musical, 40 alumnos repartidos en dous grupos. O alumnado musicou os poemas (escollemos 10 poemas en Lingua galega) e para iso creou unha atmosfera sonora atendendo ao carácter ou expresión dos mesmos. Primeiro, abordamos a comprensión dos textos (como recitalos a través dun código de música-poesía: carácter, intensidade, pausas, fraseo, entoación…) para o cal foi importante a explicación do alumnado de 4º de ESO da materia de Lingua galega, que acudiu á aula. A continuación, establecéronse grupos de catro alumnos/as que, atendendo ao carácter de cada poema, escolleron os instrumentos e decidiron as escalas, acordes, estilo (tendendo ao minimalismo) para acometer para a súa musicalización. Unha vez composta a música, gravámola.
Nunha última fase o alumnado de Linguaxe e Práctica Musical explicou ao alumnado de Lingua galega de 1º de ESO como debía recitar os versos ao tempo que escoitaba a música e supervisou o proceso no que este alumnado de 1º de ESO realizaba a gravación na sala de radio do instituto.
Nun proceso posterior, o alumnado de música tamén elaborou videopoemas sobre os poemas traballados.


